Alalá TVG
Alalá nº 213 "O Entroido en Galicia" - TVG
Alalá 213 "O Entroido en Galicia" -
Emisión en Televisión de Galicia: 14-02-2015
http://alala.crtvg.es
Alalá presenta este sábado un programa especial de 90 minutos sobre o Entroido en Galicia. Unha viaxe espectacular polo entroido rural galego. Asistimos á primeira Mascarada Ibérica, en Vilariño de Conso e Viana do Bolo, con presenza de folións ou fulións de Viana, Vilariño, Manzaneda, Chantada, O Bolo, Maceda, Portugal, León, Asturias... queremos profundar no significado máis auténtico do Entroido rural galego. Que é o entroido? De onde vén? Que ten de especial o entroido en Galicia?
Segundo fomos traballando neste programa, descubrimos o pouco que en realidade sabiamos do entroido. Esperamos que moitos dos nosos espectadores vexan a inmensa riqueza do entroido rural galego con este Alalá. Xunto ás grabaciones realizadas na mascarada de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, utilizamos material de arquivo de Televisión de Galicia e do propio programa Alalá.
Visitaremos Verín, Oimbra, Xinzo, Maceda, Laza e Catro de Laza, Vilariño de Conso, Viana do Bolo, Manzaneda, Ourense, Pontevedra, As Eiroás, Cobres, O Ulla, Sarreaus, Covelo, Salcedo, Hío, Aldán e moitos outros lugares con celebracións do entroido que nos resultarán sorprendentes e axudarannos a entendelo mellor.
Contamos tamén coa colaboración neste programa de: Federico Cocho, autor dun dos libros que mellor explican ou entroido, "O Carnaval en Galicia"; Rafael Quintía, Miguel Losada e Xose Anxo Rosales, da Sociedade Antropolóxica Galega; Pablo Carpintero e Félix Castro, investigadores musicais; Lois Pardo, activista cultural de Ourense que impulsou a creación do entroido da pita; Antonio Reigosa, escritor que colabora con numerosos traballos de divulgación relacionados coa historia, a arte, a etnografía, a mitoloxía popular e a literatura oral; e moitos informantes de Vilariño e Viana. Lembraremos tamén as participacións en Alalá dalgúns ilustres do entroido en diferentes partes de Galicia, como Paco de Escornabois ou Paco “O Xastre”, de Castro de Laza ou o incombustible José o Ghaitas, o Gaiteiro do Piñeiro, protagonista do entroido de Aldán.
A banda sonora orixinal dos entroidos rurais galegos sempre foron as chocas, os axóuxeres, os tambores, os aparellos de labranza; noutros lugares, o gaiteiro era o rei.
En moitos casos, non hai máis recurso para facer música que os propios instrumentos de traballo de aí que en moitos folións os sachos, as gadañas e as aixadas acompañan aos grandes bombos, normalmente de fabricación caseira. E xuntos cos aveños de labranza, atopamos cornas, a versión metálica do que no seu tempo deberon ser verdadeiros cornos de animais.
E tamén ao son das tamborradas de Viana e Vilariño discorrerá este especial Alalá sobre o entroido rural galego. Un programa que recomendamos aos nosos espectadores e a todos aqueles interesados na cultura de Galicia, onde o entroido é unha das súas principais expresións.
Este sábado, 14-02-2015, ás 22.30 h. da noite, Alalá “Entroido en Galicia”